Friday 03 de May de 2024

O Concello de Padrón publica os gañadores do concurso ‘Nadal na Rúa’


A concelleira de Turismo agradeceu á cidadanía a súa implicación con estas iniciativas para dinamizar a vila

En base a súa orixinalidade e creatividade, inclusión de elementos de identidade local e ao emprego de materiais eco- sostibles, o xurado decidiu outorgar os premios do Concurso ‘Nadal na Rúa’ a Carmela Ares Lorenzo na categoría de ‘Particulares’ , que tamén conseguiu o maior número de ‘Gústame’ nas redes sociais – con 585 votos-. Pola súa banda, a Panadería San José na categoría de ‘Empresa’. Un total de 40 establecementos comerciais e de 24 particulares presentaron a súa candidatura ao I Concurso de Decoración de balcóns, fiestras, escaparates e fachadas do Concello de Padrón. A iniciativa deste concurso, titulado ‘Nadal na Rúa’, xurdiu dende a concellaría de Turismo co obxectivo de dinamizar as rúas e xerar un ambiente festivo coa implicación da cidadanía. Lorena Couso, concelleira de Turismo, manifestou a súa satisfacción pola elevada participación e agradeceu a veciñanza a súa resposta a estas iniciativas. “É de agradecer que a cidadanía de Padrón se implique tanto na decoración e dinamización da nosa vila, é para nós un impulso para seguir traballando”, sinalou a edila.
Cinco persoas gañaron por votar en Facebook na páxina de Padrón Turismo pola súa proposta favorita un vale para consumir nalgún dos establecementos que forman parte da Asociación de Hostalería de Padrón.
O xurado estaba composto por unha experta en deseño e publicidade, unha xestora de proxectos turísticos e un técnico de Rehabilitación do Concello de Padrón. A concelleira de Turismo presidirá este xurado e o técnico de Turismo municipal será o secretario do mesmo.